Pesquisar este blog

sábado, março 01, 2008

Carta a un mariñeiro

Ce n´est qu´un début, continuons le combat
(Isto non é máis que o principio, continuemos o combate)
Graffiti atopado nos muros de París no 68


Meu amor,
O meu corazón é unha revolución roxa dun rebumbio de sentimentos apaixoados comparabeis aos de María Soliña. Ela, foi torturada; eu, sufrín violencia machista.
Tiña medo a voltar confiar nos homes, logo de que aquel bravo compañeiro me azoutase violentamente. Queimeime xogando á herba de namorar.

As mulleres non podemos deixar de aturuxar rebuldeiras e facer que a nosa valía chegue ao fracaso das resentidas. Non son laios, os nosos berros e denuncias son desafinados nunha sociedade patriarcal na partitura onde nos mergullamos as atrevidas. Danzaremos arreo arrolando o millo para que medre. Bicaremos o chan do xacemento ao xeito da nosa teoría axiomática deixando o noso amor pola vida e a nosa valentía como herdanza.

E hai pouco xurdiches ti, meu mariñeiro do Morrazo. Ofrecéchesme a túa man e erguinme para dende agora dar sempre pasos adiante. E aínda que tropece poña miña torpeza habitual, sei que poderei navegar onda ti na proa inzada de intencións. E así deixarei no ronsel as lembranzas avesas e pretéritas que non me incumben.

Camiñemos devagariño até que a escuma das túas ondas caia dentro de min infinitas vegadas. Sairán deste xeito notas agudísimas e ceibes da miña boca no contexto dunha liberdade sexual que aínda hoxe está mal vista para as mulleres. Sons vibrantes de anceios por terte fundido xunto a min.

Estouche ben agradecida de terte coñecido. Graciñas por darme a escala cromática para pintar uns días nos que se non fose por ti serían grises. Non escampa endexamais neste país no que dicimos erroneamente que chove cando ocorre unha desgraza. Accidentes laborais, mortes nas estradas, explotación do proletariado etc. poderían supór a depresión da miña mente politicamente loitadora e queimada se non existise a ilusión de estar onda ti. Contigo, só hai claraboias para quentar os días fríos das noites da negra sombra de soedade que todos sufrimos nalgures. Liberámonos así da angustia de segundos coma séculos escuros manifestando no máis acá o noso amor.
O fado acordará con tino o rexurdir da alborada rosaliana xunto a ti, meu ben.

Como Atenea lle dixo a odiseo no seu periplo polos mares: “Cres que a túa vida empezará cando chegues a Ítaca e non entendes que en realidade a vida é esta viaxe”. Xunto a min, a nosa singradura é unha travesía polos sorríos de Bernardino ateigados de arelas eróticas e de sensibilidade do corazón que non che cabe no peito.

Esta é a nosa loita, a recíproca tenrura e pracer do grande baluarte da nosa relación tan desexada. Este comezo, é como cando fago un límite e tende a infinito. Endexamais puiden amar tanto. Cúbrome de ardentía que brilla na noite estrelecida só de pensalo. Todo é paixón e claridade das augas do cariño que nos dan forza, frescura e ilusión dos fluídos libres que compartimos. Fontes que continúan.
Un bico inmenso, ámate,

Celtia

Um comentário:

Anônimo disse...

Encantame! A vida é o agora, o futuro non existe senón que só o presente. Non hipotequemos ese futuro do presente.

Boa historia dese maio!