Pesquisar este blog

quinta-feira, setembro 06, 2012

COMO ESQUECER

A Moniquinha, 
que foi poema
coa súa voz cálida de trópico.

Como esquecer aquelas horas,
minutos e minutos compartidos
viaxando coa forza da palabra
que en calquera momento
emanaba. Venezuela, Orbazai,
Santiago ou Carballinho. E
que sei eu cantos sitios máis.

Unha mecedora a carón
dunha cama no salón
era o descanso, despois
de días interminábeis
de risos e tamén bágoas
nos que tanto cosiamos de lá
multicor cabelos longos
coma faciamos arepas
facendo máis grande
o teu apelido e a túa tez, morena.


Como esquecer aquelas horas,
minutos e minutos compartidos,
tamén das flores que murcharon
polo caminho e que non se
viron máis florear, inda ás veces
na tenda das flores me parecen
quasi inertes, sen ser artificiais.

Tamén daquel sofrimento aprendera
que só se pode mirar atrás
cando reflexo dun sol haxa na luz
para en ela se mirar, como hoxe
na dos teus ollos me quero eu reflexar.

Como esquecer aquelas horas,
minutos e minutos compartidos,
se só me alimento de memoria
cando o frío é tan frío
que non podo nen entrar en calor
inda que vinte tazas de caldo
dunha asentada comera con ardor.

Vivo de recordos idos,
pendentes azul turquesa
que fan despexar o ceo
cando está anubrado,
amor máis menos presente
segundo orballe ou chova
quizais, mais sempre eterno,
coa certeza de que nunca
faltará o meu sorriso para o teu,
calquera que sexa o inverno.


Nenhum comentário: