Pesquisar este blog

terça-feira, fevereiro 12, 2013

RECLAMACIÓN


Reclamo
que a nostalxia sexa só unha palabra
e a vontade un feito.
Reclamo
que a minha presencia
sexa o único que precise pra non ter outra.
Reclamo
a liberdade para o meu pensamento liberado...
Reclámome para poder chamarme, a min mesma: eu.

segunda-feira, fevereiro 04, 2013

AGORA, XUSTO AGORA


Tenho os tendóns relaxados,
as pálpebras pechando persianas
do cansanzo
e o sorriso sempre disposto.

O alento que da vida
está disposto pra virme buscar
e non deixar de moverme
día e noite cal teu ferve-ferve.

Albisco, pra ponherme a el,
o caminho aí dende a corredoira,
agora, xusto agora.
Agora que as túas rutas
se fixeron papel mollado.
Non houbo vento que as secara.
Racharon.

NA CURVA DA MERA (VISTA DENDE A ESTRADA)

Pareceume que as portas
do paraiso se abriran
de repente
diante de min
ou que o numen
dunha divinidade celta
desas que veneramos
inaugurando agosto
resplandecía aí serpenteando.

Movín un pé como asegurándome
estar en terra,
debullei os ollos no frío do inverno
que non era agosto.

Alá no fondo dos meus ollos
a través duns ramallos
que tamén formaban a escena
baixaba o Mera serpenteando
seu brillo cristalino
en curso cara o caudaloso Minho,
imaxe divina.