Pesquisar este blog

segunda-feira, maio 28, 2012

Salmo 2






Por poder, podería
podería mirarte coma se non me cansase escoitarte
e podería escoitarte coma se me interesase

Por poder, claro que podería
podería crer que de verdade cres nas túas verbas
infladas coa vaidosa certeza
do novo rico que se esforza en sentir piedade polos pobres

Por poder, podería
podería responderte que a miña vida flúe
dende que descubrín o ioga, a meditación
e os discos de John Lennon
ou podería responderte que cos anos síntome máis xoven
dende que como máis vexetais
e enamórome moderadamente

Podería, por poder, claro que podería!
podería perforar esa hermética burbulla que constrúes
mantendo a distancia as preguntas sen resposta
e eses malos sentimentos que ti chamas karma

Por poder, podería
podería crerte se non soupese que esta viaxe consiste
en tratar de non enganarse, nin nos gozos nin nas sombras
e podería seguir aquí sentado, escoitándote
tratando de responderme, cos ollos húmidos
se vale a pena recordar
aquel tenro orgullo que nos inspiraba
contra todo o que te convertiches

Diego Taboada, 26 Maio, 2012, 




Nenhum comentário: